Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Fondo Estatal para 2010 inclúe a realización de 20 proxectos e a creación de 112 postos de traballo

O PLENO ABORDA A APROBACIÓN DO ORZAMENTO DE 2010

O Fondo Estatal para 2010 inclúe a realización de 20 proxectos e a creación de 112 postos de traballo

Venres 22 de xaneiro do 2010

A sesión plenaria ordinaria de xaneiro, que ten lugar o luns 25 ás 20.30 horas, recolle a aprobación dos proxectos de investimentos do Concello de Carballo incluídos no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local 2010. Trátase dun total de 20 actuacións que suporán a creación de 112 postos de traballo e que contan cun orzamento global de 3.313.745,73 euros. Os proxectos irán destinados na súa maioría a saneamentos, con 1.957.000 euros e a aforro enerxético, con 843.000 euros. O resto investirase en melloras en centros educativos municipais, como na creación dun pavillón polideportivo no CEIP Nétoma-Razo, con 284.306,33 euros; ou noutras melloras, como o proxecto básico de execución de rehabilitación para a conservación do local social da Brea.

O Goberno do Estado terá investido 12,5 millóns de euros para melloras en Carballo entre 2009 e 2010

INAUGURACIÓN DAS ACTUACIÓNS DO FONDO ESTATAL (FEIL) 2009

O Goberno do Estado terá investido 12,5 millóns de euros para melloras en Carballo entre 2009 e 2010

Xoves 21 de xaneiro do 2010

A colaboración entre o Concello de Carballo e a Administración do Estado ten "unha nota de dez". Así o ten expresado o Delegado do Goberno, Antón Louro, nunha visita na que percorreu as principais obras realizadas con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL) 2009 e na que inaugurou estas actuacións nun acto nas novas instalacións da piscina Vila de Noia. Louro subliña que a colaboración entre o Concello e o Estado está dando moi bos resultados e que "Carballo é o mellor exemplo". En total, entre 2009 e 2010 o Goberno central terá realizado un investimento de 12,5 millóns de euros entre os Fondos Locais (con 8,6 millóns de euros: 5,5 en 2009 e 3,3 previstos para 2010) e as achegas para a creación dunha biblioteca comarcal (1,5 millóns), o novo mercado (1,8 millóns), saneamentos (2,8 millóns), 250.000 euros para infraestruturas rurais, e 30.000 a través do Imserso.

O humorista carballés Rober Bodegas abre o 22 de xaneiro os Venres Culturais 2010

SÁBADO 23: ANIVERSARIO DO CORO AIRES DE BERGANTIÑOS

O humorista carballés Rober Bodegas abre o 22 de xaneiro os Venres Culturais 2010

Mércores 20 de xaneiro do 2010

O programa dos Venres Culturais 2010 arrinca con teatro na forma de monólogo co humorista carballés Rober Bodegas. O espectáculo, titulado 'E un condón por se pillo', está escrito, dirixido e interpretado por el mesmo. Nel, relata o seu espertar sexual e os traumas adolescentes e inseguridades propias dese momento e a importancia na súa vida de personaxes tan dispares como Lorena Verdún ou Bruce Lee. Despois de presentar, no marco do Nadal Cultural, o seu primeiro libro 'Novedades souvenirs, artículos de coña', regresa a Carballo para seguir ofrecendo mostras do seu espectáculo, que ten visitado xa cidades como Lalín, ou León, e salas como o Teatro Colón da Coruña. A citá é o venres 22 de xaneiro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.

Títeres Trompicallo presenta para os máis cativos e cativas "O día que chegou unha nube e choveu"

DOMINGO 23 DE XANEIRO ÁS 18.00 HORAS

Títeres Trompicallo presenta para os máis cativos e cativas "O día que chegou unha nube e choveu"

Mércores 20 de xaneiro do 2010

O domingo 23 de xaneiro comeza no Pazo da Cultura a programación En Familia dos Venres Culturais cun espectáculo destinado ao público máis novo, de entre 1 e 5 anos, a cargo da compañía Títeres Trompicallo. Presentan "O día que chegou unha nube e choveu", unha historia que achega os máis cativos e cativas á natureza. Teatro para gozar cos cinco sentidos, teatro para os que comezan a explorar o mundo, para os que descobren as cousas por primeira vez e poñen o corazón en todo canto fan. Títeres Trompicallo é unha das compañías máis exitosas dentro do panorama de monicreques galego, comprometida coa procura de novas linguaxes teatrais para o público infantil e presente en escenarios de toda España. Esta función comeza ás 18.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. O prezo ordinario da entrada é de 2,5 €, con 2 € de prezo reducido para estudantes con carné de estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos. O número de espectadores é reducido xa que poderán entrar tan só 50 nenos e nenas e 50 adultos. Ademais da reserva anticipada da entrada, é posible mercala no despacho de billetes do Pazo dende dúas horas antes do inicio da función.

Aprobado o expediente de contratación para a dirección da seguridade da obra de remodelación do mercado municipal

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente de contratación para a dirección da seguridade da obra de remodelación do mercado municipal

Luns 18 de xaneiro do 2010

A Xunta de Goberno Local celebrada o luns 18 de xaneiro vén de aprobar o expediente de contratación do contrato administrativo de servizos para a 'Dirección da execución e coordinación de seguridade e saúde da obra de Remodelación do Mercado Municipal do Concello de Carballo'. O prezo estimado do servizo é de 56.000,16 euros e o expediente tramitarase de urxencia. Así mesmo, fóra da orde do día, a Xunta de Goberno serviu para solicitar tres subvencións relacionadas coa área de Servizos Sociais, todas elas no marco das axudas da Deputación Provincial da Coruña e referidas á política de igualdade entre homes e mulleres; a programas de servizos sociais de atención primaria; e a programas de envellecemento activo.

Os usuarios máis veteranos e os máis recentes das piscinas municipais descubren as novas instalacións da Vila de Noia

A INAUGURACIÓN OFICIAL SERÁ O XOVES 21 DE XANEIRO

Os usuarios máis veteranos e os máis recentes das piscinas municipais descubren as novas instalacións da Vila de Noia

Sábado 16 de xaneiro do 2010

Dous dos abonados máis veteranos e máis constantes das piscinas municipais de Carballo, acompañados do titular do abono número 1.000 e da abonada número 2.000, puideron ver de primeira man as novas instalacións da piscina Vila de Noia, antes da súa apertura ao público, prevista para a próxima semana. María Dolores Varela e Daniel Canedo Añón, usuarios rexistrados dende xaneiro de 2004, xunto con Mónica García, abonada número 2.000 con data de 12 de xaneiro de 2010, e José Manuel Suárez, titular do abono número 1.000 con data de 23 de decembro de 2009, examinaron a nova zona de spa das instalacións, que conta con chorros de hidroterapia, vaso de chapoteo, jacuzzi, tres duchas de cabina, baño de vapor, banco térmico, sauna e unha fonte de auga fría. Unha piscina completamente nova realizada coa achega do Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL) 2009, con 892.182,16 euros.

As axudas para solicitar de xeito gratuíto un receptor de TDT están abertas até o 30 de marzo

PODEN SOLICITARSE NO CPEC DO POLÍGONO DE BÉRTOA

As axudas para solicitar de xeito gratuíto un receptor de TDT están abertas até o 30 de marzo

Venres 15 de xaneiro do 2010

O Concello de Carballo informa de que o prazo para solicitar receptores de TDT de forma gratuíta para colectivos en risco de exclusión social continúa até o 30 de marzo de 2010. Os/as cidadáns que teñen máis de 65 anos ou algunha discapacidade visual ou auditiva poden informarse no Concello de se reúnen os requisitos para solicitar un sintonizador de Televisión Dixital Terrestre. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de poñer en marcha un plan de apoio aos colectivos en risco de exclusión, que consiste na cesión de decodificadores aos membros destes colectivos que non conten con un e que residan nos municipios incluídos na Fase I do Plan Nacional de Transición á TDT, entre eles o de Carballo.

Os orzamentos de 2010 acadan os 22,4 millóns de euros e destinan un total de 5,5 millóns a investimentos

OS PRINCIPAIS PROXECTOS SON O FÓRUM E A BIBLIOTECA COMARCAL

Os orzamentos de 2010 acadan os 22,4 millóns de euros e destinan un total de 5,5 millóns a investimentos

Venres 15 de xaneiro do 2010

Os orzamentos do Concello de Carballo para o exercicio de 2010 chegan aos 22.407.109,51 euros, dos que un total de 5.563.154,16 euros serán os investimentos reais, unha cifra que supón o 25 por cento do importe total do presuposto. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou o carácter "prudente" destas contas, mentres que a Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, falou dun "orzamento realista e austero", adaptado á actual conxuntura económica. En todo caso, tamén resaltan que se trata dunhas cifras que supoñen importantes investimentos para Carballo, con achegas como 1.172.562,55 euros para culminar o proxecto Fórum Carballo no barrio da Milagrosa; ou unha de 1.500.000 euros para a construción dunha biblioteca comarcal.

O 18 de xaneiro inicíase o apagón do sinal de televisión analóxico no territorio municipal

IMPLANTACIÓN DA TDT

O 18 de xaneiro inicíase o apagón do sinal de televisión analóxico no territorio municipal

Venres 15 de xaneiro do 2010

O luns 18 de xaneiro iníciase no territorio municipal de Carballo o apagón do sinal analóxico de televisión, que pasará a ser substituído de xeito progresivo polo da Televisión Dixital Terrestre (TDT). Así, pouco a pouco, as diferentes cadeas deixarán de emitir o seu sinal en formato analóxico e as diferentes zonas do municipio pasarán a recibir só o sinal de TDT. Para calquera dúbida, consulta, información ou reclamación, os interesados e interesadas poden porse en contacto coa Xunta de Galicia no teléfono 981 57 21 54, por correo electrónico na dirección <oficinaTDT@xunta.es> ou acceder á páxina web <www.tdtgalicia.es>. O Concello pon a disposición dos cidadáns o teléfono de información 981 75 76 93. Tamén pode obterse máis información do Centro de Promoción Económica (CPEC) do polígono de Bértoa.

Un total de 20 actividades distribuídas entre xaneiro e abril conforman o programa dos Venres Culturais

TEATRO, MÚSICA, MAXIA E EXPOSICIÓNS

Un total de 20 actividades distribuídas entre xaneiro e abril conforman o programa dos Venres Culturais

Xoves 14 de xaneiro do 2010

Un total de 20 actividades, nove de teatro, tres de maxia, catro concertos e catro exposicións, conforman os Venres Culturais 2010, unha programación estable que se distribúe nas fins de semana -especialmente os venres- entre xaneiro e abril elaborada con criterios de "calidade, coa presenza de grupos profesionais" e buscando "un programa atractivo para os carballeses e carballesas e para a xente da comarca", segundo subliña a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. O programa principia o venres 22 de xaneiro coa actuación do humorista carballés Rober Bodegas que ofrece o espectáculo 'E un condón por se pillo', creado e interpretado por el mesmo. E continúa con compañías como Talía Teatro, Titzina Teatro ou artistas como o Mago Dani García e o Mago Rafa.

O Concello recorre aos xulgados para facer efectiva a limpeza dunha finca para a prevención de incendios

O PROPIETARIO DEBERÁ AFRONTAR O PAGO DAS COSTAS DO PROCESO

O Concello recorre aos xulgados para facer efectiva a limpeza dunha finca para a prevención de incendios

Mércores 13 de xaneiro do 2010

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Servizos, informa de que, por primeira vez, ten recorrido aos xulgados para facer efectiva a limpeza dunha finca, neste caso situada na parroquia de Ardaña. A Administración Local notificou no seu momento ao propietario a necesidade de que realizara as tarefas para favorecer a prevención e defensa de incendios forestais na súa propiedade. Transcorrido o prazo establecido para a realización destas tarefas, comprobouse que non se levaran a cabo, polo que se ordenou a execución subsidiaria destes labores. Ao non ter o Concello autorización para entrar na parcela, recorreu ao Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña que concedeu permiso para realizar os traballos o 12 de xaneiro de 2010 a partires das 10.00 horas.

A neve e o xeo fan perigoso o tránsito por varias vías do municipio: especialmente nas parroquias de Rus, Entrecruces e Sofán

O CONCELLO PIDE AOS CIDADÁNS QUE EXTREMEN AS PRECAUCIÓNS

A neve e o xeo fan perigoso o tránsito por varias vías do municipio: especialmente nas parroquias de Rus, Entrecruces e Sofán

Venres 8 de xaneiro do 2010

O Concello de Carballo, a través do servizo de Protección Civil, informa de que a neve caída nas últimas horas, así como as baixas temperaturas previstas para a fin de semana, fan perigosa a circulación de vehículos por varias das vías e estradas do municipio. Así, é perigoso o tránsito pola estrada de Santiago, a CP-1914, que chegou a estar cortada por mor da neve ao longo da mañá do venres 8, mentres actuaron as máquinas quitaneves. A pesares diso non houbo que lamentar ningún ferido ou accidente importante nesa vía, aínda que moitos camións e vehículos tiveron que estacionar nas beiravías da estrada para evitar as colisións. A situación foi así mesmo complicada na estrada da Silva, a AC-413, que tamén estivo unhas horas cortada. O Concello pide precaución aos conductores e conductoras, especialmente polo xeo, de cara á fin de semana.

Compartir: